O BNG volve denunciar o uso fraudulento que o Concello de Valga fai dunha subvención para a promoción do uso do galego

No pleno do luns 6 de novembro, Fran Devesa, voceiro municipal do BNG de Valga, preguntou polos supostos traballos realizados por unha empresa de artes gráficas para a realización das campañas “Merca na túa lingua” e “Eu son en galego”, polas que se pagaron 950 e 600 euros respectivamente

O 23 de outubro de 2023, o BNG de Valga alertaba da perda de parte dunha subvención para a promoción do uso da lingua galega, ao non poder o Concello de Valga xustificar a realización de actividades.

Segundo se indicaba no Artigo 4 da orde publicada o venres 17 de marzo de 2023 no Diario Oficial de Galicia, a subvención contaba con tres modalidades de axudas e cada concello só podería solicitar unha única modalidade.

No Diario Oficial de Galicia do 5 de xullo de 2023 publícase a concesión ao Concello de Valga dunha subvención de 7.321,44 euros para o “Mantemento do Servizo Lingüístico”, encadrada na modalidade b), e que tal e como figuraba na orde, esta subvención debería estar xustificada antes do 15 de outubro do ano 2023.

Despois de que o BNG fixera pública a perda dunha parte desta subvención, a reacción do Concello de Valga foi publicar un comentario na conta de Facebook do BNG de Valga, no que, faltando á verdade, afirmaba que se lle concederan dúas subvencións, algo imposible tendo en conta o indicado nas ordes publicadas pola Consellería de Cultura. Tras a correspondente contestación do BNG ao comentario do Concello, a persoa que xestiona as redes sociais municipais editou o seu comentario ocultando unha parte importante do que escribira. Isto é unha mostra moi evidente de que o equipo de goberno do Partido Popular mente afirmando que recibiron dúas tipoloxías de subvencións.

Nun decreto da alcaldía do 20 de outubro de 2023 o Concello xustificaba gastos para as campañas “Merca na túa lingua” e “Eu son en galego” de 950 e 600 euros (sen IVE) respectivamente, con dúas facturas emitidas por unha empresa de artes gráficas de Poio, Gráficas Anduriña, S.C.G.

Na semana do 23 de outubro de 2023, comezan a repartirse por algúns comercios de Valga uns folletos deseñados e impresos dunha maneira moi rudimentaria e que nada ten que ver cun traballo profesional feito por unha empresa de artes gráficas. Por todo isto, o Concello pagará unhas facturas de 1.250 euros (sen IVE) por uns traballos non realizados nunha imprenta, xa que foron feitos e impresos por persoal e impresoras municipais. Ademais disto, as bases que rexen a subvención concedida indicaban que estas actividades tiñan que estar xustificada antes do 15 de outubro, feito este que se incumpre claramente.

Este material gráfico foi feito en papel tipo folio, cando estes tipos de dípticos adoitan imprimirse en gramaxes de 150-170 gramos, usando papel estucado. En canto ao deseño, a existencia dunha marxe branca sen guillotinar, a elección das cores ou as tipografías seleccionadas, son unha mostra de que o deseño non foi feito nunha empresa de artes gráficas profesional. Fran Devesa, voceiro municipal do BNG, preguntou directamente ao alcalde, no pleno do luns 6 de novembro de 2023, que “como é posible que o Concello de Valga vaia pagar 1.250 euros (sen IVE) por un traballo que foi realizado directamente polo persoal municipal e non feito pola imprenta que emite a factura?”, ao que o alcalde respondeu con evasivas e descualificacións persoais ao voceiro municipal do BNG.

O BNG de Valga lamenta que se volvan usar os medios públicos municipais para manipular e mentir publicamente co único obxectivo de ocultar a mala xestión dun Partido Popular que, tal como queda demostrado, desaproveita recursos cos que conseguir unha maior concienciación da veciñanza sobre a necesidade de preservar a nosa lingua e a apertura a novos espazos para fomentar o uso do galego.