O BNG critica o uso privado do Auditorio de Cordeiro e presenta propostas para o beneficio das veciñas e veciños de Valga
Por iniciativa dunha empresa privada, preténdese crear un centro privado de ensino nunhas instalacións públicas, polo que esta empresa podería chegar a facturar máis de 1 millón de euros, dos que o Concello de Valga recibiría soamente 1.000 euros mensuais en concepto de canon durante 15 anos
No pleno celebrado o 6 de marzo de 2024 aprobouse a creación da comisión informativa especial para o estudo da creación dun Centro Superior de Arte Dramático no Auditorio Municipal de Valga, que terá como obxecto a “elaboración dunha memoria que avalíe os aspectos sociais, técnicos, xurídicos e financeiros da creación de dito centro”. Esta comisión quedou formada por membros de todos os partidos con representación na Corporación e persoal técnico do Concello.
Con data 3 de abril de 2024 tivo lugar a primeira reunión desta comisión informativa na que o goberno municipal do Parido Popular presentou unha memoria practicamente pechada, sen posibilidade de facer achegas por parte dos partidos da oposición. Este feito foi reprobado por Fran Devesa, voceiro municipal do BNG de Valga e membro desta comisión, que reprochou ao alcalde a falta de vontade para conseguir un documento consensuado por todos os representados na comisión e solicitou a convocatoria dunha segunda reunión para que se puideran engadir propostas.
Quen é o promotor do Centro Superior de Arte Dramático?
Malia o que cabería agardar, esta non é unha iniciativa do Concello de Valga, senón da empresa Galival Music, S.L., a mesma que xestiona o Centro Superior de Música e cuxos socios forman parte tamén da empresa concesionaria da Escola de Música Municipal de Valga, Servicios e producións Villar-Rey de Galicia, S.L. Polo tanto, trátase de repetir o modelo do Centro Superior de Música: crear un centro privado de ensino, xestionado por unha empresa de servizos que utilizaría instalacións e infraestrutura pública.
A memoria presentada por Galival Music, S.L. proponse a creación dun centro privado de ensinanza dramática superior, que tería como instalacións o Auditorio Municipal de Valga. Este documento, no seu aspecto social está moi incompleto, realizando un moi deficiente inventario do tecido asociativo de Valga. A empresa propón un proxecto con capacidade para 120 alumnos e a creación de 20-25 postos de traballos directos, aos que se engadirían 50 máis de maneira indirecta. Esta estimación foi exactamente a mesma que cando se propuxo a creación do Centro Superior de Música, estimación que non cumpriu as expectativas xa que na actualidade, este centro conta con case o 40% menos de alumnos da previsión inicial.
Segundo figura nesta memoria, a matrícula por curso sería de 8.450 euros ao ano e curso por alumno, que en comparación coa Escola Superior de Arte Dramática de Vigo, única escola pública destas características en Galiza, a matrícula é duns 500 euros anuais. Coas taxas propostas por Galival Music implicaría que a empresa podería chegar a facturar máis de 1 millón de euros anuais, mais pagaría soamente 1.000 euros en concepto de canon mensual ao Concello de Valga durante 15 anos, quen sería o que poría a disposición da empresa as instalacións do auditorio.
Que defende o BNG de Valga?
Na comisión informativa do 3 de abril de 2024 o BNG de Valga puxo sobre a mesa a probabilidade de que existan incompatibilidades coa creación do Centro Superior de Arte Dramático coas actividades desenvolvidas actualmente no Auditorio de Cordeiro, principalmente coa Escola de Música Municipal. Fran Devesa tamén solicitou un estudo sobre o impacto socioeconómico dos 74 alumnos actuais do Centro Superior de Música, e cantos destes son veciños de Valga. Tamén alertou de que na memoria presentada, nada se di de ningún tipo de axuda ou descontos directos para as persoas empadroadas en Valga.
Na segunda reunión da comisión informativa, celebrada o 8 de abril de 2024, o grupo municipal do BNG de Valga alertou da falta de documentación, algunha dela esixida no propio informe xurídico asinado polo secretario, e que non está axunta no expediente:
- Elaboración dun proxecto de Regulamento que regule os aspectos máis relevantes en relación coa prestación do servizo.
- Elaboración dunha análise de mercado real, no que se estudará a oferta e a demanda existente, a rendibilidade e os posibles efectos sobre a concorrencia empresarial do establecemento do servizo público.
- Emisión dun informe por Intervención en relación ao establecemento do servizo público, avaliando o cumprimento do obxectivo de estabilidade orzamentaria e da sustentabilidade financeira da prestación do servizo.
- Anexo con horarios do uso das instalacións, aulas, auditorio e realización dun inventario do material a usar.
- Reflectir de maneira clara que gastos son imputables ao Concello e cales á empresa, sobre todo no referente á dotación inicial de equipamento.
- No cadro de custes realizado pola empresa, non se detallan os importes en ningún dos conceptos, aparecendo na memoria técnica un cadro baleiro sen datos.
- Elaboración dun estudo sobre o impacto socioeconómico que o Centro Superior de Música supón para Valga.
As propostas do BNG de Valga respecto da creación dun Centro Superior de Arte Dramático foron as seguintes:
- Desconto dun 50% para o alumnado que leve empadroado e resida no Concello de Valga durante os últimos 18 meses.
- Pagamento por parte da empresa dun canon anual do 5% (50.700 euros) dos ingresos estimados na memoria (1.014.000 euros).
- Garantir o funcionamento da Escola Municipal de Música para que non vexa condicionado o seu funcionamento pola creación do centro privado de ensinanza dramática, blindando a prioridade do uso público das instalacións por parte do concello e do tecido asociativo de Valga.