Bello Maneiro volve facer un uso partidista do Concello e dos recursos públicos

O escudo do Concello de Valga representa a todas e todos os veciños e non soamente aos que votaron ao Partido Popular

Unha vez máis, o Alcalde de Valga xoga coas súas propias normas do xogo e reincide no seu xa tradicional uso partidista do Concello.

Nestes últimos días, as veciños e veciños están recibindo unha carta co escudo oficial e enderezo do Concello de Valga, asinada polo propio Alcalde, dando as grazas polos resultados do Partido Popular nas pasadas eleccións municipais do 28 de maio. Nesta carta aparecen frases como “o apoio á nosa candidatura” ou “en nome do noso grupo”, afirmacións que deberían levar máis o logo do partido político ao que pertence Bello Maneiro, o Partido Popular, e non o do Concello de Valga, escudo que si representa a todas e todos os veciños: aos que votaron a Bello Maneiro, aos que votaron outras opcións políticas e tamén aos que non votaron.

Esta práctica habitual, a de mesturar Partido Popular e Concello de Valga, non sae de balde aos veciños. A emisión e reparto destas cartas páganse con diñeiro público, unha mostra máis que afonda na escasa transparencia e uso partidista das institucións de todas e todos para os intereses de Bello Maneiro e do Partido Popular.

Ao BNG de Valga e á propia veciñanza xórdenlle varias cuestións con respecto a isto. Por que asina unha carta cunha clara finalidade partidista como Alcalde de Valga e usando o logo oficial do Concello? Con que fondos se sufragaron os gastos de impresión e reparto desas cartas?

Outra vez máis, e xa van moitas, queda demostrado como o Partido Popular de Valga non atende ás cuestións do xogo limpo democrático e recorre ao uso partidista das institucións e dos recursos públicos municipais para o beneficio propio do Alcalde e do partido político ao que pertence.