Aprobada a moción do BNG para demandar a cobertura da baixa de pediatría a tempo completo

Desde o BNG de Valga esixirase periodicamente ao goberno municipal que comunique as actuacións levadas a cabo en atención desta moción para así manter informada a toda a veciñanza

No pleno celebrado o martes 27 de setembro, o BNG presentou unha moción para demandar a cobertura da baixa de pediatría do Centro de Saúde de Baño a tempo completo.

Familias usuarias de pediatría viñan denunciando que o SERGAS non está cubrindo na súa totalidade a baixa do servizo de pediatría do Centro de Saúde de Baño desde comezos de verán, co que o servizo de atención de pediatría pasou de ser realizado por un especialista a tempo completo (agora mesmo de baixa) a un a tempo parcial (dúas mañás á semana). Consecuencia desta falta de planificación por parte da Xunta de Galiza e a ausencia de alternativas, as familias están vendo reducido o número de horas na atención pediátrica en Valga.

O BNG de Valga non acepta como algo normal que non se cubra a baixa no servizo de pediatría, xa que se trata dun servizo fundamental para a boa saúde das nosas nenas e nenos, e isto tiña que ter un posicionamento claro de toda a corporación municipal.

Miguel Lois, concelleiro do BNG encargado de defender esta moción, solicitou ao alcalde que “se dirixa coa máxima celeridade á xerencia da área sanitaria para esixir o restablecemento a tempo completo da consulta de pediatría no Centro de Saúde de Baño, cubrindo a baixa a tempo completo” e pediu ao goberno municipal que “manteña informado a todos os grupos políticos da Corporación Municipal das actuacións levadas a cabo en atención desta moción”.

Desde o BNG de Valga seguimos animando ás usuarias e usuarios do servizo de pediatría a deixar as súas reclamacións por escrito no propio centro de saúde ou a través da aplicación do SERGAS, co obxectivo de facer presión e volver contar o antes posible cun pediatra a tempo completo.

Ademais, o BNG levará ao Parlamento de Galiza a necesidade da atención primaria a tempo completo para as nenas e nenos de Valga.