O alcalde presenta uns orzamentos irreais que contemplan o ingreso de máis de medio millón de euros procedentes dun suposto polígono industrial que só existe na súa cabeza
A maior inversión está destinada á construción dun parque acuático na antiga barreira de Porto Piñeiro en Campaña, para o que se reservan 875.000 euros, o que supón case un 10% do orzamento total do Concello de Valga para o vindeiro ano
Nun dos dous plenos celebrados o 1 de decembro de 2025 debateuse a aprobación do Orzamento Xeral do Concello de Valga para o ano 2026. Fran Devesa, voceiro municipal do BNG de Valga, comezou a súa intervención denunciando a realización de dous plenos nun mesmo día, cando se podería ter celebrado soamente un único pleno, aforrando o pago de dietas dun segundo pleno. Malia insistencia do concelleiro do BNG de Valga, o alcalde non deu ningunha resposta ao respecto, como de costume. Fran Devesa alertou que o proxecto de orzamentos para o 2026 é un documento irreal e con falta de rigor, unicamente pensado para pasar o trámite, e incapaz de responder as necesidades reais de Valga.
No capítulo de ingresos, é onde se pon de manifesto a total incapacidade do goberno municipal, que intenta cadrar unhas contas cuns ingresos ficticios que en 2026 non van existir. Aparecen dous ingresos, un de 280.000 euros procedente de “ingresos previstos de imposición indirecta, polo imposto de construcións, instalacións e obras” e outro de 265.000 euros procedente de “novos dereitos polos aproveitamentos urbanísticos”. En total, o goberno municipal de Valga está computando que en 2026 obterá máis de medio millón de euros por impostos e licenzas do polígono industrial da Medela, que, de momento, só existe na cabeza do alcalde. Fran Devesa recordoulle que existen dúas sentenzas, unha do Tribunal Superior de Galiza e outra do Tribunal Supremo, que impiden un desenvolvemento industrial nese espazo, ademais da oposición das veciñas e veciños da Medela, e sobre todo, que as empresas de Valga non solicitaron unha área empresarial aí.
No capítulo de gastos, a maior inversión para o vindeiro ano será destinada á construción dun parque acuático e resort de cabanas flotantes na antiga barreira de Porto Piñeiro en Campaña, para o que se reservan 875.000 euros. Isto supón case un 10% do orzamento total do Concello de Valga, é dicir, un de cada dez euros municipais serán destinados para un proxecto que non responde ás necesidades reais das veciñas e veciños; do que non existe un plan de viabilidade, nin un plan de mantemento, e moito menos, un estudo económico dos custos anuais dunha infraestrutura que pode endebedar aínda máis ao concello. Unha débeda municipal total que o alcalde se nega a dicir cal é, malia a insistencia do voceiro municipal do BNG de Valga. En 2026 o goberno municipal vai investir en Porto Piñeiro o dobre que en pavimentación de estradas e camiños, o triplo que en saneamento, nove veces máis que en abastecemento, cinco veces máis que na recollida do lixo, dez veces máis que no mantemento de bens naturais, o dobre que en manter os centros educativos, tres veces máis que na promoción cultural, nove veces máis que todas as festas do ano e case oitocentas veces máis que na prevención dos incendios forestais. E mentres Porto Piñeiro leva case un millón de euros, o anexo de investimentos non destina nin un só euro a vivenda pública, rehabilitación, desenvolvemento de núcleos de poboación ou combater contra a alarmante perda de poboación de Valga.
No apartado de subvencións a asociacións culturais e entidades deportivas, a falta de rigor é tal que se axunta unha listaxe de anos anteriores na que saen entidades xa desaparecidas ou sen actividade, como por exemplo unha achega de 1.700 euros ao Stellae Fútbol Sala, que xa fai algúns anos que tivo que marcharse de Valga. O BNG de Valga solicitou, unha vez máis, o aumento das subvencións, sen actualizarse desde fai máis de dez anos, que se redacte unha ordenanza reguladora para evitar un reparto aleatorio que non responde a ningún criterio técnico e que non destina nin un só euro ao deporte de motor valgués. Fran Devesa valorou positivamente unha nova partida destinada ao Cordeiro CF para o mantemento dos campos de fútbol municipais, aínda que claramente insuficiente para realizar un correcto mantemento preventivo e correctivo das instalacións deportivas das que fai uso e que xa viña mantendo.
No anexo de persoal a neglixencia do goberno municipal é tal que, as tres páxinas do orzamento referente aos traballadores municipais son exactamente as mesmas que no documento de orzamentos do ano pasado, coas mesmas retribucións salariais e sen realizar ningunha modificación. Outras irregularidades no cadro de persoal son a non identificación do persoal contratado con subvencións, ausencia dunha clasificación por grupos, categorías e trienios; mestúranse os complementos persoais coa retribución do posto, existe unha desigualdade importante entre funcionarios e persoal laboral para postos semellantes, e a negativa do alcalde a sacar a praza prevista de tractorista, moi necesaria para o mantemento, roza e limpeza do espazo público de Valga. Ademais, segue sen facerse unha RPT (Relación de Postos de Traballo) e o Plan de Igualdade, obrigatorio por lei.
Por todo o exposto anteriormente, os concelleiros do BNG de Valga votaron en contra da aprobación do Orzamento Xeral do Concello de Valga para o ano 2026, unhas contas irreais, e que tal como se manifesta na execución do anterior orzamento, se basean en cifras irreais e que non se xustifican.