Alcalde, interventor e secretario solicitan o abono dos gastos dun proceso penal, malia que o concello ten contratado un servizo xurídico no que se inclúe a defensa

En total, 18.096,75 euros serían pagados polo propio Concello de Valga, a pesar de que este conta cun Servizo de Asesoría e Postulación Xurídica polo que paga 28.314,00 euros anuais e no que está incluído o asesoramento e asistencia xurídica, a defensa e representación procesual en xuízo

Na Comisión de Réxime Especial de Contas, Economía, Facenda e Patrimonio celebrado o 26 de agosto de 2024, o goberno municipal presentou para a súa aprobación un expediente para que sexa o propio Concello de Valga quen abone os gastos xudiciais derivados de procesos penais que afectaron ao alcalde, ao interventor e ao secretario. Os abonos dos importes que se solicitan ao Concello de Valga correspondentes á defensa xurídica de alcalde, interventor e secretario son 5.626,50, 6.050,00 e 5.626,50 euros respectivamente, aos que habería que engadir os honorarios dos procuradores: 290,20, 213,35 e 290,20 euros.

As facturas presentadas por alcalde e secretario en concepto de minuta de honorarios de avogados son do mesmo despacho que o adxudicatario actual do servizo xurídico contratado polo concello, Martín Gómez Abogados, S.L.U. En total, 18.096,75 euros que serían pagados polo propio Concello de Valga, malia que este conta cun Servizo de Asesoría e Postulación Xurídica polo que paga 28.314,00 euros anuais, nun contrato adxudicado o 3 de xuño de 2022 a Martín Gómez Abogados, S.L.U. (ver detalles aquí).

Anteriormente a esta adxudicación, nun informe emitido polo secretario o 8 de xullo de 2021, dicíase que “ante o incremento considerable da litixiosidade no Concello de Valga o que como circunstancia sobrevinda aconsellaría aumentar o obxecto da licitación contractual actualmente en tramitación, incluíndo dentro da mesma, ademais do asesoramento e asistencia xurídica, a defensa e representación procesual en xuízo” e tamén nunha resolución asinada polo alcalde o 30 de xullo de 2021 este manifestaba “que se licite un novo que inclúa tanto o asesoramento e asistencia xurídica, é dicir, a emisión de informes xurídicos a petición do Concello, como a defensa xurídica cando sexa preciso nos ámbitos da xurisdición contencioso administrativa, civil, social e penal” (ver detalles aquí).

Resumindo o anterior, foi o propio alcalde e o secretario os que solicitaron que no actual contrato do Servizo de Asesoría e Postulación Xurídica se incluíse “a defensa xurídica cando sexa preciso nos ámbitos da xurisdición contencioso administrativa, civil, social e penal”. É dicir, os gastos da defensa xurídica que solicitan alcalde, interventor e secretario non teñen xustificación, xa que o Concello de Valga conta cun servizo propio no que está incluída dita defensa xurídica, e esta será a postura que defenda o grupo municipal do BNG de Valga no pleno correspondente, opoñéndose con total firmeza ao abono de 18.096,75 euros a alcalde, interventor e secretario.