Alcalde e concelleiros/as do Partido Popular pretenden contratar un seguro persoal, pagado con diñeiro público, que lles cubriría de posibles malas prácticas

20260126

A finalidade desta póliza é que, para cando haxa problemas derivados dunha mala decisión ou dunha actuación incorrecta, non sexa ningún membro do goberno municipal o que teña que responder co seu patrimonio persoal

Alcalde e concelleiros/as do Partido Popular pretenden contratar un seguro persoal, pagado con diñeiro público, que lles cubriría de posibles malas prácticas

O 21 de xaneiro de 2026, o Concello de Valga publica na Plataforma de Contratos Públicos a licitación para a contratación de varios seguros, entre os que se atopa un de responsabilidade das autoridades ao servizo da administración pública, por un importe de 16.635,62 euros. Con esta póliza, que soamente está reservada a “autoridades”, é dicir, o alcalde e os concelleiros/as do Partido Popular, preténdese que os membros do goberno municipal de Valga contraten un seguro persoal que lles cubra das posibles malas prácticas e neglixencias que poidan cometer no exercicio do seu cargo. E todo isto con cargo aos orzamentos municipais, cos cartos de todas e todos os veciños de Valga.

Non se trataría dun simple trámite administrativo, nin dunha cuestión técnica, senón dunha decisión política moi preocupante, xa que dan a entender que son conscientes que certas prácticas ou decisións que tomaron ou poidan estar tomando desde o goberno municipal son susceptibles de ter unha compoñente de ilegalidade. Nin tan sequera os traballadores municipais do Concello de Valga contan cun seguro deste tipo, polo que a sospeita que crea isto respecto dunha posible vía libre parala realización de posibles delitos e actos irresponsables de todo tipo, só contribúe a alimentar a mala imaxe dos que deberían ser responsables públicos.

Cómpre lembrar que esta non é a primeira vez que o goberno municipal intenta contratar este seguro, posto que xa houbo unha primeira licitación en 2025 que quedou deserta, sen ningunha compañía aseguradora interesada en asumir este risco. Esta póliza funcionaría como unha auténtica blindaxe para o alcalde e o resto de concelleiros do Partido Popular de Valga. A súa finalidade é que, para cando haxa problemas derivados dunha mala decisión ou dunha actuación incorrecta, non sexan eles quen teñan que responder co seu patrimonio persoal, senón que sexan os cartos públicos que pagan este seguro os que asuman as consecuencias.

A póliza que pretenden contratar cubriría todo tipo de situacións, algunhas delas moi graves. Así, este seguro evitará que as “autoridades” do Concello de Valga respondan co seu patrimonio persoal ante unha posible reclamación por actos ou omisións incorrectas. Se o Tribunal de Cuentas, ou outro órgano fiscalizador como puidera ser o Consello de Contas, investiga unha mala xestión de cartos públicos, o seguro pagaría os avogados, a defensa xurídica e mesmo posibles indemnizacións. Se un veciño/a, unha empresa ou mesmo unha asociación denuncia ao Concello de Valga por danos, decisións arbitrarias ou actuacións inxustas, o seguro asumiría eses custos.

Este seguro tamén cubriría ás “autoridades” en caso de conflitos laborais. Se desde o goberno municipal se despide ilegalmente un traballador/a, ou incluso se hai denuncias por acoso ou discriminación, as indemnizacións e os gastos xudiciais non sairían do peto do alcalde nin dos concelleiros do Partido Popular, senón que proverán dos cartos públicos que financian esta póliza. Outra das coberturas sería o prexuízo e o importe de recuperación pola perda de documentación pública custodiada por algún membro do goberno municipal. Isto vén sendo que, se o alcalde ou algún concelleiro do Partido Popular destrúe, dana, perde, deforma, elimina ou extravía algún documento municipal, sería o seguro quen respondería economicamente por isto.

Mesmo no caso de que unha mala actuación provoque un escándalo público ou unha denuncia que dane a imaxe dalgunha destas “autoridades”, a póliza pode pagar até 50.000 euros en asesores de comunicación para "restituír" a súa imaxe. O seguro tamén protexería ao cónxuxes, parellas e aos herdeiros/as se as consecuencias dunha mala actuación afectan a bens en común. No caso de que o alcalde ou algún concelleiro do Partido Popular sufriran estrés como consecuencia dunha reclamación ou dun procedemento xudicial derivado da súa actuación política, o seguro tamén pagaría a atención psicolóxica.

A todas as coberturas descritas anteriormente, aínda hai que engadir que seguro que se pretende contratar tería unha data de retroactividade “ilimitada”, é dicir, o alcalde e resto de concelleiras/os do Partido Popular estarían cubertos desde que tomaron posesión do seu cargo por primeira vez. No caso do alcalde, o seguro estaría cubrindo todos os seus actos administrativos durante os últimos trinta e cinco anos.

O BNG de Valga considera que esta proposta é inxusta e perigosa. Reduce a responsabilidade política de quen goberna, fai que as neglixencias e malas actuacións se paguen con cartos de todas e todos, e lanza a mensaxe de que cometer fraudes ou actuar mal non ten consecuencias. Todo isto, ademais de inxusto, supón un gasto nun concello xa moi endebedado e con outro tipo de necesidades urxentes, polo que esixe a retirada inmediata da licitación que rexe a contratación deste seguro.

Para Fran Devesa, portavoz municipal do BNG de Valga, “este seguro non protexe a Valga. É un seguro pensado para protexer as malas prácticas dun goberno que sabe que pode ter problemas e que pretende que sexamos todas e todos quen paguemos esa blindaxe. Desde o BNG preguntámonos de que se queren protexer e que é o que temen. Defendemos algo moi sinxelo, un concello ao servizo das veciñas e dos veciños, sen privilexios para os/as de sempre, e que cada quen ten que facerse responsable dos seus feitos”.

Alcalde e concelleiros/as do Partido Popular pretenden contratar un seguro persoal, pagado con diñeiro público, que lles cubriría de posibles malas prácticas