O alcalde cobrou máis de 6.000 euros en dietas por ocupar o posto de presidente dun órgano de goberno, que por lei non podía

20251212

Só despois da denuncia pública realizada polo BNG de Valga, o goberno municipal modificou a composición das mesas de contratación, coa renuncia do propio alcalde a presidir estas, mais leva negándose en repetidas ocasións a dar explicacións nos plenos

O alcalde cobrou máis de 6.000 euros en dietas por ocupar o posto de presidente dun órgano de goberno, que por lei non podía

O grupo municipal do BNG de Valga ten denunciado publicamente varias licitacións e contratacións públicas do Concello de Valga que incumpren a Lei de Contratos do Sector Público, feito que ten como consecuencia as deficientes adxudicacións e execucións dos contratos de obras e/ou servizos. Como parte da súa labor fiscalizadora e de control da actividade do goberno do Partido Popular, o BNG de Valga analizou a composición das mesas de contratación desde o 2017, ano de entrada da Lei 9/2017, de 8 de novembro, de Contratos do Sector Público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as Directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, de 26 de febreiro de 2014.

Como resultado desta análise, comprobouse que as mesas de contratación do Concello de Valga estaban formadas polo alcalde como presidente da mesa; como vocais a concelleira de educación, o secretario e o interventor; e como secretario un funcionario municipal. Isto supón que dous dos cinco membros da mesa son cargos electos, o que incumpre o disposto no artigo 7 da Disposición Adicional 2ª da Lei 9/2017 de Contratos do Sector Público, que indica que “os membros electos que, no seu caso, formen parte da Mesa de contratación non poderán supoñer máis dun terzo do total de membros da mesma”.

Esta esixencia da lei, que os cargos electos (alcalde e concelleiros/as) non superen máis dun terzo dos membros da mesa de contratación, permite evitar que os cargos políticos poidan dominar o voto na mesa. O BNG de Valga considera de extrema gravidade que, desde a entrada en vigor da lei no ano 2017, o órgano de contratación respecto dos contratos de obras, de subministro, de servizos, os contratos de concesión de obras, os contratos de concesión de servizos e os contratos administrativos especiais do Concello de Valga estivese conformado de tal maneira que incumpre a lexislación vixente.

Hai que ter en conta que o órgano de contratación do Concello de Valga corresponde á alcaldía, polo que todos estes anos, o alcalde estivo designándose a si mesmo como presidente das mesas de contratación, unha anomalía legal e que contradí a Lei de Contratos do Sector Público. As mesas de contratación están definidas pola propia Lei 9/2017 de Contratos do Sector Público como un órgano de asistencia técnica especializada, sendo unha das súas funcións as de valorar as proposicións dos licitadores e realizar unha proposta ao órgano de contratación de adxudicación a favor do licitador que presentara a mellor oferta.

Deste xeito, a converxencia no alcalde de Valga da dobre titularidade do órgano de contratación e da presidencia da mesa de contratación non é posible, pois este, como presidente da mesa de contratación, puidera propoñer a si mesmo, como órgano de contratación, a adxudicación dun contrato ou o rexeitamento dunha oferta. Así, segundo a Disposición Adicional Segunda, apartado 1, o alcalde ten que ser o órgano de contratación do Concello de Valga, mais non podería presidir a mesa de contratación, como fixo até o da agora.

Só despois da denuncia pública realizada polo BNG de Valga, o goberno municipal modificou a composición das mesas de contratación, coa renuncia do propio alcalde a presidir estas. Fran Devesa dirixiuse en varias ocasións ao alcalde durante a celebración dos últimos plenos respecto deste asunto, mais a única resposta obtida foi unha absoluta negativa a contestar. Estes comportamentos do alcalde non saen gratis ás veciñas e veciños de Valga, pois soamente nesta lexislatura, a cantidade embolsada polo alcalde por ocupar un posto, que por lei non podía, ascende a 6.615 euros.

O alcalde cobrou máis de 6.000 euros en dietas por ocupar o posto de presidente dun órgano de goberno, que por lei non podía