O BNG convoca un acto público en Valga con Sara Seco, Fran Devesa e Alexandra Fernández

Neste acto presentaranse as propostas do programa do BNG para o Goberno da Xunta e darlle resposta á maioría social que quere cambio e ve no BNG a alternativa real para conseguilo

O Bloque Nacionalista Galego, no marco da campaña das eleccións galegas do 18 de febreiro, que presenta Ana Pontón como candidata á Presidencia da Xunta, organiza un acto público o sábado 3 de febreiro ás 20.30 horas na Casa da Cultura de Ponte Valga coa participación de Fran Devesa, portavoz municipal, Sara Seco, membro do BNG de Valga e Alexandra Fernández, deputada no Parlamento e candidata.

Este é o momento do BNG, porque é a forza do cambio útil para Galiza, representa a esperanza e a ilusión para todas as persoas que queren abrir un tempo novo. Estas eleccións constitúen un momento decisivo na historia coa oportunidade de situar Galiza no lugar que lle corresponde da man dun goberno liderado polo BNG, para o que se fai un chamamento á mobilización masiva e a concentrar en Ana Pontón todo o apoio ao cambio como única alternativa para derrotar o PP.

Ana Pontón asume dez ambiciosos compromisos de goberno para impulsar a maior transformación de Galiza en 40 anos

A portavoz nacional e candidata á Presidencia, Ana Pontón, elixiu o simbolismo da Praza do Obradoiro, no corazón da capital de Galiza, para presentar as liñas mestras do seu programa de goberno, que sintetizou nun decálogo de compromisos que asume ante os galegos e as galegas “para cambiar a historia de Galiza impulsando a maior transformación e o maior avance do noso País en 40 anos”.

A líder do BNG elixiu un marco emblemático para destacar que Galiza está “ás portas dun cambio histórico”, cambio que require “un programa de goberno ambicioso deseñando desde a confianza e desde o orgullo de saber que este é un gran País, con todo o potencial e con xente honesta, traballadora e talentosa, un programa e goberno con proxectos estratéxicos e transformadores que permitan construír con bases sólidas unha Galiza con futuro”, recalcou dun dos símbolos máis recoñecibles do País.

Pontón quere ser a presidenta dun goberno que traballe a prol dunha Galiza “forte, orgullosa, próspera, na que vivir e traballar con benestar social, unha Galiza científica, verde, inclusiva e feminista, con voz propia no mundo”.

 

Para iso, asume ante a cidadanía dez grandes compromisos: reforzar os servizos públicos; poñer Galiza a producir e xerar emprego de calidade; aposta pola ciencia e a innovación como clave de progreso; loita contra o cambio climático e defensa dun modelo enerxético autocentrado; avanzar en autogoberno político e financeiro; modernizar as infraestruturas e facilitar o acceso á vivenda; defensa dunha sociedade xusta e feminista, apoio á lingua e á cultura; darlle perfil propio a Galiza no mundo e a rexeneración democrática.

O primeiro compromiso será reforzar os servizos públicos, porque “a sanidade, a educación, os coidados e a conciliación son a garantía dunha sociedade máis xusta e equitativa”, explicou. Como medidas concretas: Plan choque para mellorar a atención primaria de 200 M€; incrementar o persoal sanitario tanto nos centros de saúde para acabar coas listas de espera en atención primaria e reducir tamén o tempos de agarda para operacións cirúrxicas, especialistas e probas diagnósticas. Neste primeiro compromiso, Pontón tamén destacou a posta en marcha dun Plan de saúde mental e prevención do suicidio.

Coidados dos maiores e da infancia

En educación, o compromiso da candidata e aprobar a gratuidade dos libros de texto para o curso 2024-2025 no primeiro Consello da Xunta e a garantirá de que todo o alumnado  de ensino obrigatorio terá servizo de comedor e de transporte. Neste compromiso co benestar social, os coidados das persoas maiores duplicando o servizo de asistencia no fogar e ampliar a rede de centros de día para que haxa como mínimo un por centro comarca e dúas prazas por cada cen maiores de 65 anos. E nos coidados á infancia, a creación de mil novas prazas anuais nas escolas infantís.

Como segundo compromiso, poñer Galiza a producir e xerar emprego de calidade, para o que propón un Plan de impulso da actividade tecnolóxica e industrial que permita crear 12.000 postos de traballo en sectores estratéxicos até 2030. No primeiro ano de mandato, Pontón comprométese ademais a impulsar un Programa de emprego xuvenil con 3.000 postos de traballo para mozos e mozas titulados de FP e graduados en colaboración cos concellos e con empresas do terceiro sector.

Nesa Galiza produtiva é clave o medio rural, mobilizando 100.000 hectáreas de superficie agraria útil, así como recuperar a produtividade no sector pesqueiro e marisqueiro cun  Plan de protección e rexeneración das rías.

A enerxía ao servizo do País

O terceiro compromiso de Pontón e ser a presidenta que poña en marcha a Galiza da ciencia e da innovación, claves para o progreso,  cun Pacto pola ciencia para acadar un investimento do 3 % do PIB en 2030, así como a creación do INNOGAL, para captar e reter talento investigador.

O cuarto compromiso é a loita contra a emerxencia climática e un modelo enerxético ao servizo do País. Neste eido, figuran como medidas como a creación dunha empresa pública de enerxía e unha tarifa eléctrica galega, “para que familias, traballadores e empresas se beneficien da nosa riqueza”, expuxo. Ademais, inclúe a ampliación da Rede Natura 2000 para avanzar até o 20% de territorio protexido, case duplicando a superficie actual.

Como quinto compromiso cos galegos e as galegas, Pontón proponse avanzar en autogoberno político e financeiro como “garantía de benestar”,  reclamando ao Estado todas as competencias pendentes, entre elas a transferencia da AP-9 e a AP-53, tráfico ou salvamento marítimo. En relación ao avance en autogoberno financeiro,  a posta en marcha dun Instituto de crédito e investimento como ferramenta para impulsar infraestruturas estratéxicas, apoiar aos sectores produtivos ou crear vivenda pública.

Precisamente, a modernización das infraestruturas e facilitar o acceso á vivenda é o sexto compromiso dos enumerados por Ana Pontón, que subscribiu ante os galegos e as galegas a súa determinación para conseguir unha AP-9 galega e libre de peaxes e para reclamar ao Estado a modernización do ferrocarril e a creación dun servizo de cercanías nas áreas de A Coruña-Ferrol e Pontevedra-Vigo.

O sexto compromiso é potenciar unha nova mobilidade e facilitar ao acceso á vivenda. Para iso, incorporará  unha tarifa plana de transporte intermodal de trinta euros ao mes válida para bus, tren, barco ou taxi rural a demanda. Tamén inclúe a mobilización de vivenda baleira para poñela no mercado a prezos limitados e duplicar as axudas ao alugueiro, especialmente para xente moza.

O sétimo dos grandes compromiso adquiridos por Pontón é o de avanzar nunha sociedade “máis xusta, igualitaria e feminista”, con medidas como a creación dunha Valedoría de Igualdade, destinar un mínimo de cen M€ á loita contra a violencia machista e loitar contra a fenda laboral como que as empresas que discriminen ás mulleres non recibirán axudas públicas.

Como oitavo compromiso, o apoio á lingua e á cultura do País, promovendo un gran acordo polo galego para reverter a tendencia de perda de falantes que se vén dando na última década. E un apoio decidido aos creadores e creadoras en todos os ámbitos artísticos.

Voz propia no mundo

A Galiza en grande quere construír tras o 18F “terá voz propia no mundo”, sinalou Pontón como noveno compromiso, dando prioridade ás relacións con Portugal, cunha estratexia de cooperación no económico, no académico e nas infraestruturas, con actuacións urxentes como a conexión ferroviaria de alta velocidade Vigo-Porto. Igualmente, como nación solidaria, un goberno liderado polo BNG será máis activa na cooperación e o desenvolvemento para contribuír a un planeta máis xusto.

Finalmente, como décimo compromiso, Pontón sinalou a rexeneración democrática así como a defensa dos dereitos e das liberdades. Como obxectivo, uns medios públicos independentes cuxa dirección sexa nomeada mediante concurso público, respecto ao Parlamento de Galiza, cumprindo estritamente o regulamento e un reparto xusto dos recursos públicos, sen partidismos nin discriminacións, entres as medidas concretas deste compromiso.

“Son dez compromisos, dez grandes eixos de actuación para poñer en marcha un País forte, vivo, produtivo, moderno, orgulloso no que poder vivir e traballar e no que podamos soñar e cumprir os nosos soños. Esa é a Galiza en grande que quero poñer en marcha a partir do 18F man a man con todos os galegos as galegas que queren cambio, un cambio que será imparable”, concluíu.