O BNG de Valga propón melloras na rede de saneamento da parroquia de Cordeiro

Os puntos máis críticos concéntranse nas estacións de bombeo do Forno e Carracido, recibindo a primeira tamén as augas da segunda, provocando unha elevada concentración de caudal que está a provocar atascos frecuentes por falta de capacidade

Analizada a situación da rede de saneamento municipal a partir dos datos incluídos no Plan de Saneamento que está en proceso de elaboración pola Xunta de Galiza, o BNG de Valga considera necesario actuar para corrixir as deficiencias detectadas e garantir un servizo acorde ás necesidades reais. Segundo este documento, a Estación Depuradora de augas residuais (EDAR) de Valga atópase “saturada”, é dicir, non ten capacidade suficiente para depurar todas as augas que recibe.

A esta infraestrutura de saneamento, situada en Campaña e construída fai máis de vinte anos, están conectados arredor de 50 núcleos de poboación, cunha poboación total de 5.705 persoas entre residentes fixos e estacionais. Sen embargo, a súa capacidade é de só 3.315 habitantes equivalentes, o que resulta insuficiente para atender á maior parte da poboación do municipio.

Na actualidade, as seis estacións de bombeo existentes, San Miguel, O Carballiño, A Devesa, Extrugasa, O Forno e Carracido, envían á EDAR un caudal próximo aos 2.000 metros cúbicos diarios, moi por enriba dos 720 metros cúbicos para os que foi deseñada. Esta sobrecarga, á que tamén contribúen aportes industriais, está na base dos problemas que se veñen producindo.

Entre as consecuencias máis visibles desta situación están os continuos episodios de vertidos ao río Ulla, un espazo de alto valor ambiental integrado na Rede Natura 2000. Estes vertidos teñen unha incidencia directa na calidade das augas do río, como por exemplo, a prohibición para bañarse na praia fluvial de Vilarello por índices moi altos das bacterias Escherichia coli e enterococo intestinal.

Os puntos máis críticos concéntranse nas estacións de bombeo do Forno e Carracido. A primeira recibe tamén as augas da segunda, así como das principais aldeas da parroquia de Cordeiro, entre elas Vilar, Vilarello, Carracido, Laxes, Moldes, As Eiras, O Outeiro, Castiñeiras, A Casanova, A Carballa, Ferreirós, A Torre, Beiro, A Gandra, Balleas, Barcia, A Canle, Barro, Os Cotriños ou Socastro, ademais dalgúns núcleos de Setecoros e Xanza. Esta concentración de caudal está a provocar atascos frecuentes por falta de capacidade.

Ante esta realidade, o BNG de Valga propón a creación dunha nova depuradora de augas residuais que permita dar un servizo específico ás aldeas de Vilar, Vilarello, Carracido, Moldes, As Eiras, O Outeiro e Ferreirós, co obxectivo de reducir a carga actual sobre a EDAR e mellorar así o funcionamento do sistema no seu conxunto. Unha alternativa a esta medida, podería ser tamén o reforzamento da capacidade da estación de bombeo de Carracido co aumento do diámetro das tubaxes e, de maneira paralela, ampliar a capacidade da propia EDAR.

O BNG de Valga tamén considera necesario avanzar cara a unha cobertura completa da rede de saneamento en todo o municipio. A día de hoxe, aínda existen zonas como A Medela, Cerneira ou Raxoi onde hai vivendas sen posibilidade de conexión á rede municipal, unha situación que cómpre resolver de maneira urxente.

Para Fran Devesa, voceiro municipal do BNG de Valga, “é necesario incrementar as tarefas de mantemento e revisión da rede de saneamento, especialmente nas estacións de bombeo do Forno e Carracido, onde os atascos son recorrentes e non poden atribuírse unicamente a malos usos puntuais, senón tamén a limitacións estruturais do sistema. O saneamento non é só unha cuestión técnica, senón un servizo esencial que incide directamente na calidade de vida e no coidado da contorna”.