O BNG de Valga propón o acondicionamento e posta en valor da contorna da Capela da Saúde

A pesar de ser un lugar que alberga importantes elementos patrimoniais materiais  e inmateriais, o espazo precisa dun urxente acondicionamento, incluíndo a urbanización da contorna e a mellora da accesibilidade

O alto situado a uns 170 metros de altura no que se localiza a Capela da Saúde de Casal de Eirigo é un dos lugares históricos máis importantes que existen en Valga e está situado sobre unha parcela de titularidade municipal (36056A025014330000AH) de 3.563 metros cadrados de superficie. A capela foi construída en 1809, ano no que o exército galego, auxiliado polos campesiños do lugar, libraron a Batalla de Casal de Eirigo contra as tropas napoleónicas invasoras. Malia non alcanzar a vitoria completa, si lograron facer recuar aos franceses, un verdadeiro triunfo para uns labradores que se enfrontaron a uns soldados franceses profesionais. No interior da capela consérvase unha imaxe de San Campio de gran valor histórico e artístico, un retablo neoclásico realizado polo escultor Xosé Ferreiro e no adro emprázase un cruceiro da tipoloxía de ánimas. Na parte leste atópase un antigo palco da música, acertadamente transformado nun centro social polos veciños, mais tamén conservando a función orixinal de escenario.

Malia ser un lugar que alberga importantes elementos patrimoniais materiais (capela e cruceiro) e inmateriais (batalla contra os franceses e festas populares), o espazo precisa dun urxente acondicionamento, incluíndo a urbanización da contorna e a mellora da accesibilidade. Algunhas das actuacións principais serían a substitución do actual asfaltado en toda a contorna por uns pavimentos máis acordes ao sitio, a mellora das comunicacións peonís, maior integración e aumento da infraestrutura verde, soterramento do cableado aéreo, instalación dun alumeado público e ornamental acorde coa entidade dos bens patrimoniais existentes ou a colocación de paneis informativos que expliquen a historia desta paisaxe cultural única.

Unha acción complementaria ao acondicionamento e posta en valor sería a colocación dunha escultura homenaxe aos combatentes da Batalla de Casal de Eirigo, que segundo algunhas fontes houbo, por parte do exército galego, 60 mortos, 165 feridos graves, 50 feridos leves e 6 desaparecidos, moitos deles valgueses; mentres que as tropas francesas tiveron 400 mortos e preto dun milleiro de feridos.

Para a mellora deste espazo público, debería executarse un deseño que incorpore a infraestrutura verde e o mobiliario urbano, favorecer a mobilidade das persoas e promover o uso do lugar a través de actividades recreativas e culturais. A futura planificación ten que contar coa participación veciñal, clave para o éxito do deseño, sendo estes os verdadeiros coñecedores do espazo e os seus usos, posto que o deseño debe ser compatible coa utilización do lugar. Usos como a celebración, o primeiro sábado de setembro, da Romaría da Virxe da Saúde, aínda que até non fai moito se facía o primeiro de setembro, e até o 2024, era o lugar onde se recreaba a batalla, organizada durante anos pola Asociación Cultural Heroes de Casal de Eirigo. Aquí tamén se festexa o Santo Antonio Abade o 17 de xaneiro e o San Campio o 24 de setembro.

Ademais de converterse nun punto de encontro de referencia para toda a veciñanza de Casal de Eirigo, o acondicionamento e posta en valor da contorna da Capela de Saúde atraería visitantes desexosos de coñecer o lugar onde tivo lugar a Batalla de Casal de Eirigo, un feito histórico coñecido por moitos grazas á labor de difusión realizada pola asociación cultural responsable da recreación da batalla. Ademais, este espazo atópase a 500 metros do Camiño Portugués, polo que cunha sinalización axeitada, a Capela da Saúde podería converterse nun punto obrigado de visita para os miles de peregrinos que cada ano camiñan até Santiago.

Por todo isto, o grupo municipal do BNG de Valga presentará unha moción no próximo pleno solicitando ao goberno municipal a realización dun proxecto técnico para o acondicionamento e posta en valor da contorna da Capela da Saúde, que no proceso de deseño se faga partícipe aos veciños e veciñas de Casal de Eirigo, e finalmente, que se destinen todos os recursos necesarios, propios e externos, para a execución do proxecto.