O BNG de Valga apoia a iniciativa para dedicar unha rúa a Celestino Carbia Campaña

Este paso chega tamén grazas ao compromiso sostido no tempo por colectivos que nunca deixaron caer no esquecemento a memoria democrática, como son a Asociación Veciñal Cultural e Deportiva de Cordeiro, o Colectivo Memoria Histórica de Valga ou a Asociación Cultural Os Penoucos

O grupo municipal do BNG de Valga expresa o seu apoio á iniciativa familiar para dedicar unha rúa a Celestino Carbia Campaña, alcalde republicano de Valga, detido tras a sublevación militar franquista de 1936, e despois de pasar varios meses preso na Illa de San Simón, o 11 de maio de 1937 foi fusilado en Monteporreiro (Pontevedra). Trátase dun recoñecemento necesario á súa figura e aos valores que representa: a defensa da legalidade democrática, a dignidade e a xustiza, nun dos momentos máis escuros da historia recente de Valga.

Este paso chega tamén grazas ao compromiso sostido no tempo de colectivos e persoas que nunca deixaron caer no esquecemento a memoria democrática de Valga. O BNG quere recoñecer de maneira expresa o labor da Asociación Veciñal Cultural e Deportiva de Cordeiro, do Colectivo Memoria Histórica de Valga, da Asociación Cultural Os Penoucos ou do proxecto obaixoulla.gal, así como o traballo dalgúns partidos políticos e de tantas persoas que, desde o ámbito social e cultural, contribuíron a manter viva esta memoria sen apoio ou respaldo institucional.

Homenaxe a Celestino Carbia Campaña (2016) - Colectivo Memoria Histórica de Valga

Non obstante, este recoñecemento demorouse en exceso. Chega máis de 45 anos despois das primeiras eleccións municipais democráticas, celebradas en 1979, e despois de anos nos que se puxeron trabas para avanzar nunha verdadeira política pública de memoria en Valga. Por iso, sendo un paso positivo, tamén debe servir para abrir unha nova etapa baseada no respecto, no rigor e na vontade real de dignificar a historia local.

En Valga, como no resto do país, non houbo unha guerra no sentido estrito, senón unha represión criminal exercida de maneira sistemática polo bando franquista, que se traduciu en asasinatos, persecución e silencio durante décadas. A memoria democrática non pode limitarse a un xesto puntual. É tamén un exercicio colectivo de lembranza e xustiza.

Unha homenaxe necesaria ás persoas que perderon a vida pola liberdade, como o propio Celestino Carbía Campaña ou Arturo Ferro Eiras, e a todos os veciños e veciñas de Valga que sufriron a represión. Homes e mulleres que non só foron vítimas, senón tamén persoas comprometidas co seu tempo: loitadores pola liberdade, defensores da xustiza social, da clase traballadora e dos máis desfavorecidos. Xente que representaba unha Valga máis xusta, máis digna e máis igualitaria. Por iso, o BNG de Valga quere deixar tamén constancia, como exercicio de memoria e respecto, algúns dos nomes dos represaliados de Valga: Ramón Barreiro Abril, Gumersindo Buceta Garrido, Eloy Carlés Romero, Joaquín Carbia Rey, José Castro Fontán “Cabanas”, Manuel Claudio Iglesias, Severiano Dios Busto, Ricardo Fernández Carles, Jesús Ramón García Otero, Manuel García Silva, Alfredo Gil Romay, Benito Jamardo Torrado, José Jamardo Torres “El hijo de Plácido”, José Lamas Varela, Ramón Magariños Duro, Marcelino Magariños Grela, José Méndez Boquete, Antonio Mosquera de Dios, José Neira González, Juan Manuel Otero Bodaño, Constante Portas Magariños “Cochino”, Andrés Rey Rey, Ramón Rodríguez Conde, Juan Antonio Vázquez Campos, David Vieitez Rúa ou José Leoncio Viñas Méndez.

Para Fran Devesa, voceiro municipal do BNG de Valga, “detrás de cada nome hai unha historia, unha familia e unha inxustiza que non pode ser esquecida e que ten que ser reparada. Lembralos é tamén a dignificación como pobo, mais tamén un recoñecemento ao exemplo que deixaron, o de quen loitou por un mundo máis xusto, incluso cando iso significaba poñer en risco a propia vida”. O BNG de Valga reafirma así o seu compromiso cunha memoria democrática viva, construída desde o respecto ás vítimas, o recoñecemento colectivo e a vontade de que feitos como aqueles non volvan repetirse.