O BNG de Valga alerta da falta de mantemento das infraestruturas municipais e esixe unha planificación estruturada para garantir uns espazos públicos máis coidados

É imprescindible mellorar este servizo para garantir unha resposta máis áxil, cumprir prazos razoables e atender de forma continua as necesidades dos veciños e veciñas, fartos da inacción do goberno municipal no referente á conservación e mantemento do espazo público

Desde o BNG de Valga proponse cambiar a forma que, durante anos, o goberno municipal do Partido Popular xestiona o mantemento e a conservación das infraestruturas municipais: limpeza, lixo, iluminación, estradas, espazos verdes, parques infantís, prazas, beirarrúas, equipamentos ou patrimonio histórico. A falta dun plan de conservación afecta directamente ao día a día, polo que o mantemento non pode seguir dependendo da improvisación, nin de decisións puntuais. É necesario avanzar cara a unha xestión máis organizada, participativa e con presenza real do Concello nos distintos lugares e aldeas de Valga.

Moitas das cuestións do día a día teñen que ver co mantemento e a conservación. Deficiencias comúns, debido á inacción do goberno municipal, son a falta de iluminación, acumulación de lixo no espazo público ou a necesidade de roza e sega en marxes de estradas e zonas verdes. Moitas destas non son grandes obras, mais son actuacións necesarias para manter Valga en boas condicións e atender ás necesidades dos veciños e veciñas dos distintos lugares.

Durante moito tempo, estas cuestións só podían chegar a resolverse cando alguén tiña que pasar polo despacho do alcalde para solicitalo. Este modelo, no que as solucións se presentaban como favores persoais debe quedar no pasado. Para Fran Devesa, portavoz municipal do BNG de Valga, “os veciños e veciñas non piden favores, teñen dereito a que o Concello funcione, a que haxa un mantemento axeitado e a coñecer con que criterios se deciden as actuacións, sen favores de ningún tipo”.

Ademais da aplicación municipal que o BNG propuxo para que os veciños e veciñas puideran comunicar incidencias, é necesario complementar ese sistema con mecanismos que faciliten o contacto directo cos distintos lugares do concello, especialmente para aquelas persoas que non empregan medios dixitais.

Neste sentido, proponse habilitar tamén outras canles sinxelas de participación, como a instalación de caixas de correos para presentar queixas ou suxestión en distintos puntos das aldeas, en lugares habituais de paso ou encontro, no que se poidan trasladar avisos, propostas ou necesidades relacionadas co mantemento. Estas incidencias recollidas deberían rexistrarse nun sistema municipal que permita unha mellor organización do traballo de mantemento e conservación. Mais para que isto funcione, é necesario e prioritario reforzar o equipo de mantemento do concello, dotándoo de máis persoal e medios suficientes.

Sen este reforzo, calquera proposta de mellora quedará limitada. Por iso, o BNG de Valga considera imprescindible mellorar este servizo para garantir unha resposta máis áxil, cumprir prazos razoables e atender de forma continua as necesidades dos veciños e veciñas. Ao mesmo tempo, tamén é necesario avanzar cara a unha maior planificación do mantemento municipal, establecendo tempos e criterios claros, para decidir as actuacións, e facendo pública a información sobre onde se intervén e por que.

En definitiva, desde o BNG de Valga, proponse unha forma de xestión máis transparente e ordenada, baseada na planificación, participación e aumento dos recursos, que permita mellorar o coidado do concello, garantindo unha atención equilibrada a todos os lugares e dar unha resposta real ás necesidades do día a día.