O BNG propón implantar un Servizo de Taxi Social a demanda en Valga

A iniciativa busca facilitar os desprazamentos para consultas médicas ou trámites a persoas maiores, con mobilidade reducida ou sen vehículo propio, mediante un convenio cos taxistas locais

Desde o BNG de Valga proponse a creación dun Servizo de Taxi Social a demanda. A iniciativa está deseñada especificamente para facilitar os desprazamentos daquelas persoas que teñen maiores dificultades de mobilidade ou que carecen de medios de transporte propios para realizar as tarefas esenciais do día a día.

A proposta contempla a sinatura dun convenio de colaboración entre o Concello de Valga e os profesionais do taxi do propio municipio. O obxectivo é cubrir viaxes prioritarias vinculadas a necesidades básicas, tales como consultas médicas, probas diagnósticas, a recollida de medicamentos nas farmacias, a realización de trámites administrativos ou o acceso xeral a servizos públicos. Este servizo funcionaría mediante solicitude previa e aplicaríase baixo criterios obxectivos para dar prioridade ás persoas maiores, persoas con mobilidade reducida e aquelas que máis o necesiten.

Con esta medida, o BNG busca dar resposta a unha problemática no municipio: a falta de alternativas de transporte público eficiente. Valga é un concello caracterizado por unha poboación altamente dispersa e distribuída en numerosos núcleos rurais, onde as opcións de transporte colectivo son, na práctica, moi limitadas ou directamente inexistentes. Esta realidade penaliza especialmente de xeito diario ás persoas de idade avanzada que non dispoñen de coche, e que en moitas ocasións vense obrigadas a depender da dispoñibilidade de familiares ou veciños para poder acudir a unha cita médica ou xestionar un trámite administrativo.

Desde o BNG de Valga considérase imprescindible garantir a mobilidade como un piar fundamental para a igualdade de oportunidades. "Nun concello como Valga, o acceso aos servizos básicos non debería ser un privilexio que dependa de ter coche ou de contar con alguén que che leve", defende Fran Devesa. Para o BNG, trátase dunha medida sinxela, útil e perfectamente asumible, que non só mellorará a autonomía e a calidade de vida de moitos veciños, senón que tamén suporá un impulso económico para un sector profesional que xa existe e opera no propio concello.

Con esta campaña, o grupo municipal do BNG reafirma o seu compromiso de seguir impulsando propostas no tecido local pensadas para resolver os problemas reais do día a día e construír unha Valga máis accesible, inclusiva e con mellores servizos públicos para todos e todas.